Voto presencial

Os/As electores/as poderán votar a partir das 9:00 horas. Pode iniciarse máis tarde a votación no caso de dificultades en relación coa composición das mesas ou co material electoral. De todos os xeitos a mesa non poderá abrir máis tarde das 10:00 horas.

A votación remata ás 20:00 horas, momento no que o/a presidente/a da mesa electoral anuncia o final da votación e se pechan as portas dos colexios electorais. Non obstante, as persoas que queden dentro do colexio poderán votar (ademais dos membros das mesas e os/as interventores/as, que votan a continuación). No caso de interromperse a votación, esta pódese rematar máis tarde das 20:00 horas.

O/A elector/a pode levar a súa papeleta xa preparada no seu sobre, ou ben seleccionar a papeleta de voto no propio colexio electoral e introducila no sobre xa que necesariamente debe haber papeletas suficientes de todas as candidaturas nas cabinas ou nas súas proximidades. Para preservar o segredo do seu voto o electorado pode seleccionar a súa papeleta na cabina se así o desexa.

Os/As electores/as achéganse á mesa de un en un, persoalmente e co seu voto xa preparado. Só en caso de incapacidade física poden ser acompañados por outra persoa para que os/as asista.

Unha vez que chegue á mesa, o/a elector/a manifestará o seu nome e apelidos ao/á presidente/a e acreditará a súa identidade, exhibindo o orixinal do Documento Nacional de Identidade, pasaporte ou permiso de conducir, con fotografía. Estes documentos teñen validez para este efecto, incluso se estivesen caducados, sempre que permitan identificar ao/á votante sen dúbidas. No caso de xurdir algunha dúbida sobre a identidade do/a elector/a, a mesa decidirá se a acepta ou non por maioría dos seus membros.

Identificado o/a elector/a, os membros da mesa comprobarán a súa inscrición no censo (en caso de non aparecer inscrito, soamente poderá votar no caso de presentar sentenza xudicial ou unha certificación censual específica de alta), e comprobarán que non votou xa, nin solicitou o voto por correo. Unha vez feitas estas comprobacións, o/a elector/a entregaralle pola súa propia man ao/á presidente/a o sobre de votación pechado. O/A presidente/a, sen ocultar o sobre á vista do público, dirá en voz alta o nome do/a elector/a e, engadindo "Vota", entregará o sobre ao/á elector/a quen o depositará na urna.

Os/As vogais e, se é o caso, os/as interventores/as que o desexen, anotarán, cada un nunha lista numerada, o nome e máis os apelidos dos votantes na orde que emitan os seus votos, e expresarán o número co que figuran na lista do censo electoral ou, se é o caso, a achega de certificación censual específica. Pola súa banda, o/a elector/a poderá examinar se foron ben anotados o seu nome e apelidos na lista de votantes que forme a mesa.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal