Inscrición no censo electoral

¿Como se pode comprobar a inscrición no censo electoral?

Para que os/as electores/as comproben a súa inscrición no censo electoral (e modifiquen os seus datos, se fosen erróneos) é obrigatorio que os concellos e os consulados expoñan ao público as listas durante oito días. Esta exposición do censo terá lugar, neste caso, entre os días 3 e 10 de setembro, ambos os dous inclusive.

Fóra destas datas de exposición pública, as delegacións provinciais do censo electoral manterán a disposición dos/as interesados/as o censo (que se actualiza mensualmente) para a súa consulta permanente. Esta consulta pode realizarse a través dos concellos e consulados, ou directamente na propia delegación provincial.

¿Pódese votar sen estar na lista do censo? Como?

As persoas con dereito ao voto deben estar inscritas nas listas do censo electoral da sección da demarcación na que residen. Para os efectos electorais, o censo vixente é o pechado o primeiro día do segundo mes anterior ao da data da convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia (neste caso, o 1 de xuño).

Se algunha persoa con dereito ao voto non está inscrita na lista do censo da súa sección, pode ser debido a un erro material ou porque está empadroado/a noutra sección. Este último caso dáse con frecuencia cando o/a elector/a reside noutra sección e se trasladou a unha residencia situada nunha sección distinta sen darse de baixa na primeira e de alta na actual. Neste caso, deberá facer canto antes ese trámite de empadroamento, pero se o fai despois do primeiro día do segundo mes anterior á data da convocatoria, non poderá votar na sección na que reside actualmente, e, se quere facelo, deberá emitir o seu voto na mesa que lle correspondese da sección na que estaba inscrito/a anteriormente (sexa persoalmente ou por correo).

O/A interesado/a poderá formular reclamación sobre os seus datos censuais se ben só poderán ser tidos en conta os que se refiran a rectificación de erros nos datos persoais, cambios de enderezo dentro dunha mesma circunscrición, ou a non inclusión do reclamante en ningunha sección do censo da circunscrición malia ter dereito a el, dentro do prazo comprendido entre o 6º e o 13º día despois da convocatoria (no caso destas eleccións entre o 3 e o 10 de setembro).Esta reclamación deberá formulala perante a Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, se ben tamén poderá facelo a través dos concellos ou consulados, que a remitirán inmediatamente a respectiva Delegación Provincial.

A Oficina do Censo Electoral, unha vez comprobado e rectificado o erro, enviará ao/á elector/a unha certificación censual específica (ben de alta ou ben de corrección de erros). O/A elector/a presentará esta certificación á mesa electoral e con ela poderá votar, aínda que non figure nas listas que estean no poder da mesa electoral.

Aínda que é un caso moito menos frecuente, tamén podería votar o/a elector/a non inscrito/a nas listas que puidese presentar á mesa unha sentenza xudicial que determine o seu dereito a estar inscrito/a no censo da sección.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal