Voto por correo

AVISO IMPORTANTE: "A Xunta Electoral Central, en sesión do 27 de setembro do 2012, acordou ampliar- con carácter xeral, para todos os electores que exerzan o voto por correspondencia- o prazo para o depósito do sobre de votación nas Oficinas de Correos de toda España ata o día 18 de outubro, no horario habitual de funcionamento das devanditas Oficinas".

 

Electores

A lexislación electoral prevé o voto por correo para aqueles/as electores/as que na data da votación teñan prevista a súa ausencia da localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto e para os que, por enfermidade ou incapacidade física, non puidesen presentarse no lugar da votación. Para iso só cómpre que o solicite no momento oportuno e logo envíe o seu voto dentro do prazo, nas condicións e coa documentación que se lle facilitan.

Procedemento

Desde a data da convocatoria das eleccións ata o décimo día anterior á votación (neste caso, ata o 11 de outubro) o/a elector/a solicitará en calquera oficina de Correos o impreso de solicitude de voto por correo, que unha vez cumprimentado entrega na oficina de Correos persoalmente e exhibindo o orixinal do seu Documento Nacional de Identidade (no caso de non dispoñer deste documento pode presentar o orixinal do pasaporte ou o orixinal do carné de conducir, coa súa fotografía, pero non se admiten en ningún caso fotocopias de ningún dos documentos). Só en caso de doenza ou incapacidade acreditadas mediante un certificado médico oficial, pode unha persoa distinta do/a interesado/a solicitar este certificado, e para iso debe ser autorizada por un documento notarial ou consular estendido individualmente (nestes casos, tanto o certificado médico como a escritura notarial ou consular, son gratuítos). A oficina de Correos enviaralle gratuitamente a solicitude á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, solicitude que non poderá enviarse por outro procedemento.


Unha vez que a Delegación Provincial da Oficina do Censo reciba a solicitude:

  • comprobará a inscrición censual do/a solicitante
  • realizará a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das eleccións non se exerza o voto persoalmente
  • estenderá o certificado solicitado
  • remitirá por correo certificado ao seu domicilio ou, no seu defecto ao que figure no censo, as papeletas e o sobre electoral, xunto co certificado de inscrición no censo, un sobre no que figurará o enderezo da mesa onde lle corresponda votar, ademais dunha folla explicativa

O recibo acreditativo da recepción desta documentación deberao asinar persoalmente o/a interesado/a, acreditando a súa identidade.

Unha vez que o/a elector/a escolla a papeleta de voto e a introduza no sobre de votación e o peche, introducirá ese sobre xunto co certificado no sobre que se lle enviou co enderezo da mesa electoral que lle corresponde, e remitirao por correo certificado ata o 17 de outubro. O envío deste sobre non necesita franqueo.

O servizo de Correos conservará ata o día da votación a correspondencia dirixida ás mesas electorais e a trasladaraa ás ditas mesas ás nove da mañá. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse no dito día ata as vinte horas.

Unha vez enviada a solicitude do voto por correo, xa non poderá votar persoalmente ante a mesa electoral.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal