Escrutinio nas mesas electorais

¿Pódese presenciar o escrutinio dos votos?

Si, calquera persoa pode presenciar o escrutinio dos votos de calquera mesa, xa que o escrutinio é público.

¿Pódese solicitar o exame dunha papeleta lida polo/a presidente/a no escrutinio?

Só os notarios no exercicio das súas funcións, os/as candidatos/as e os/as representantes das candidaturas, se tivesen dúbidas sobre o contido dunha papeleta lida polo/a presidente/a da mesa no escrutinio, poderán pedila no acto para o seu exame. Os/As vogais da mesa, os/as interventores/as e os apoderados/as non precisan solicitar ese exame, porque o/a presidente/a debe amosarlles cada papeleta despois de lela.

¿Que facer se se observa algunha irregularidade no escrutinio?

Calquera elector/a que observe algunha irregularidade no escrutinio, pode manifestalo ao seu remate o mesmo e a súa protesta ou reclamación deberá facerse constar na acta de sesión.

¿Que é o voto en branco?

É voto en branco o do sobre que non conteña papeleta.

¿Que é o voto nulo?

Os que se emiten en sobres ou papeletas diferentes do modelo oficial.

As papeletas sen sobre.

Os sobres que conteñan máis dunha papeleta de distintas candidaturas (se se inclúen varias papeletas da mesma candidatura cóntase como un só voto válido).

Os que se emiten en sobres alterados.

Os emitidos en papeletas nas que se modificara, engadira ou tachara nomes de candidatos comprendidos nelas ou alterado a súa orde de colocación, así como aquelas nas que se houbera introducido calquera lenda ou expresión, ou producido calquera outra alteración de carácter voluntario ou intencionado. Non obstante NON SERÁN VOTOS NULOS aqueles votos emitidos en papeletas que conteñan unha sinal, cruz ou aspa ao lado dalgún dos membros da candidatura, sempre que as ditas marcas non teñan transcendencia ou entidade suficiente para alterar a configuración da papeleta ou para manifestar reproche algún dos membros da candidatura ou da formación política á que pertenzan (Instrución Xunta Electoral Central, 1/2012, do 15 de marzo, e Sentenza Tribunal Constitucional 123/2011, do 14 de xullo)

Para non anular o seu voto non escriba nin sinale nada na papeleta nin no sobre.

¿Cales son os votos válidos?

Son votos válidos os votos a candidaturas que non fosen anulados por algún defecto e os votos en branco. Os votos nulos non se contan como votos válidos.

¿Que se fai coas papeletas unha vez rematado o escrutinio?

As papeletas teñen que ser destruídas, na presenza dos concorrentes, inmediatamente despois de rematado o escrutinio, agás aquelas papeletas que non fosen declaradas válidas e que fosen obxecto dalgunha reclamación. Estas papeletas conservaranse coa acta de sesión para futuras reclamacións e recursos.

¿En que consiste a Lei D'Hondt"?

A Lei D'Hondt é o procedemento que se aplica actualmente en España nas eleccións para o Congreso de Deputados e para os Parlamentos de todas as comunidades autónomas, para decidir a que candidatura corresponde cada escano. O procedemento aplícase a cada provincia independentemente, para atribuír os escanos que lle correspondan entre as candidaturas que se presentasen nela.

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia a regra aplícase só ás candidaturas que obtivesen polo menos un 5% dos votos válidos emitidos na provincia. As candidaturas que obteñan menos votos non se teñen en conta.

Segundo esta lei, a cifra de votos de cada candidatura divídese por 1, 2, 3, etc. ata un número igual ao de escanos que se van repartir. Os escanos atribúenselles ás candidaturas que obteñan os números máis altos nestas divisións, en orde decrecente.

Por exemplo:

    Rexistran 100.000 votos válidos

    Preséntanse 4 candidaturas e obteñen os seguintes votos:

        Candidatura A: 44.000 votos.

        Candidatura B: 30.000 votos.

        Candidatura C: 16.000 votos.

        Candidatura D; 10.000 votos.

    Se reparten 5 escanos.

                /1           /2           /3           /4           /5

Candidatura A   44.000   22.000   14.667   11.000   8.800

Candidatura B   30.000   15.000   10.000   7.500     6.000

Candidatura C   16.000   8.000     5.333     4.000     3.200

Candidatura D   10.00     5.000     3.333     2.500     2.000

Observamos no cadro, como o total de votos obtidos por cada unha das candidaturas divídese entre 1, 2, 3, 4 y 5, xa que 5 son os escanos que se van repartir neste exemplo. As candidaturas que obteñen os números máis altos como resultado destas divisións son ás que se lles atribúen os escanos:

1. Candidatura A: 44.000

2. Candidatura B: 30.000

3. Candidatura A: 22.000

4. Candidatura C; 16.000

5. Candidatura B: 15.000

Neste caso, o reparto dos escanos sería o seguinte:

    Candidatura A: 2 escanos.

    Candidatura B: 2 escanos.

    Candidatura C: 1 escanos.

    Candidatura D: 0 escanos.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal