Votación por correo

AVISO IMPORTANTE: "A Xunta Electoral Central, en sesión do 27 de setembro do 2012, acordou ampliar- con carácter xeral, para todos os electores que exerzan o voto por correspondencia- o prazo para o depósito do sobre de votación nas Oficinas de Correos de toda España ata o día 18 de outubro, no horario habitual de funcionamento das devanditas Oficinas".

¿Como se vota por correo?

Para votar por correo só cómpre solicitalo no momento oportuno e enviar o voto dentro do prazo nas condicións e coa documentación que se lle facilita ao/á elector/a. O procedemento que hai que seguir é o seguinte: os electores que prevexan que na data da votación non se acharán na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito de voto, ou que non poidan comparecer, poden emitir o seu voto por correo, logo de solicitude á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, cos requisitos seguintes:

  • o elector solicitará da correspondente Delegación, a partir da data da convocatoria e ata o décimo día anterior á votación (dende o 28 de agosto e ata o 11 de outubro), un certificado de inscrición no Censo. A devandita solicitude formularase ante calquera oficina do Servizo de Correos
  • a solicitude deberá formularse persoalmente. O funcionario de Correos encargado de recibila esixirá ao interesado a exhibición do seu documento nacional de identidade e comprobará a coincidencia da firma. En ningún caso se admitirá para estes efectos fotocopia do Documento Nacional de Identidade
  • en caso de enfermidade ou incapacidade que impida a formulación persoal da solicitude, cuxa existencia deberá acreditarse por medio de certificación médica oficial e gratuíta, aquela poderá ser efectuada en nome do elector por outra persoa autorizada notarial ou no consulado mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada elector e sen que neste poida incluírse varios electores, nin unha mesma persoa representar máis dun elector. A Xunta Electoral comprobará, en cada caso, a concorrencia das circunstancias a que se refire este apartado

Os servizos de Correos remitirán no prazo de tres días toda a documentación presentada ante estes á Oficina do Censo Electoral correspondente.

Recibida a solicitude a que fai referencia o artigo anterior, a Delegación Provincial comprobará a inscrición, realizará a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente, e estenderá o certificado solicitado.

A Oficina do Censo Electoral remitirá por correo certificado ao elector, a partir do trixésimo cuarto día posterior á convocatoria ao antes do sexto día anterior ao da votación (neste caso, entre o 1 de outubro e o 14 de outubro), ao domicilio por el indicado ou, no seu defecto, ao que figure no censo, as papeletas e os sobres electorais, xunto co certificado mencionado no parágrafo anterior, e un sobre no que figurará a dirección da Mesa onde lle corresponda votar. Cos anteriores documentos achegarase unha folla explicativa.

O aviso de recibo acreditativo da recepción da documentación a que alude o parágrafo anterior deberá ser asinado persoalmente polo interesado previa acreditación da súa identidade. Caso de non se encontrar no seu domicilio, comunicaráselle que deberá comparecer por si ou a través de persoa autorizada notarial ou no consulado, na oficina de Correos correspondentes para, logo de acreditación, recibir a documentación para o voto por correo, cuxo contido se fará constar expresamente no aviso.

Unha vez que o elector escolla a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación e pecharao.

Incluirá o sobre ou os sobres de votación e o certificado no sobre dirixido á Mesa e remitirao por correo certificado en todo caso antes do terceiro día previo ao da celebración das eleccións (neste caso, entre o 1 de outubro e o 17 de outubro). Este sobre non necesita franqueo.

O Servizo de Correos conservará ata o día da votación toda a correspondencia dirixida ás Mesas Electorais e trasladaraa ás devanditas Mesas ás nove da mañá. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse no devandito día, ata as vinte horas deste.

O Servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará a disposición das Xuntas Electorais. Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á Xunta Electoral de Zona.

Teña en conta que unha vez enviada a solicitude de voto por correo, xa non poderá votar persoalmente ante a mesa electoral.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal