Presentación de candidaturas

¿Que se require para poder presentar unha candidatura nas eleccións ao Parlamento de Galicia?

Poden presentar candidaturas nas eleccións ao Parlamento de Galicia:

  • os partidos e federacións inscritos no rexistro correspondente
  • as coalicións constituídas segundo o disposto no apartado seguinte
  • as agrupacións formadas por electores dunha provincia que reúnan as sinaturas de, de polo menos, o 1 por cento dos inscritos no censo electoral da devandita provincia

Os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorrer conxuntamente a unha elección deben comunicalo á Xunta competente, nos dez días seguintes á convocatoria. Na referida comunicación débese facer constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección ou coordinación.

Ningún partido, federación, coalición ou agrupación de electores pode presentar máis dunha lista de candidatos nunha circunscrición para a mesma elección. Os partidos federais ou coaligados non poden presentar candidaturas propias nunha circunscrición se nesta concorre, para idéntica elección, candidatos das federacións ou coalicións a que pertencen.

En todo caso, os partidos políticos, as federacións ou coalicións de partidos, e as agrupacións de electores non poderán presentar candidaturas que, de feito, veñan a continuar ou suceder a actividade dun partido político declarado xudicialmente ilegal e disolto, ou suspendido. Para estes efectos, terase en conta a similitude substancial das súas estruturas, organización e funcionamento, das persoas que os compoñen, rexen, representan, administran ou integran cada unha das candidaturas, da procedencia dos medios de financiamento ou materiais, ou de calquera outras circunstancias relevantes que, como a súa disposición a apoiar a violencia ou o terrorismo, permitan considerar a devandita continuidade ou sucesión.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal