Votación dos residentes ausentes no estranxeiro

¿Como se vota dende o estranxeiro?

  • residentes no estranxeiro
  • solicitude de voto por correo: do 28 de agosto ao 22 de setembro
  • envío documentación para o voto por correo: do 25 de setembro ao 1 de outubro
  • remisión por electores do voto por correo: do 25 de setembro ao 16 de outubro
  • depósito do voto na urna: do 17 ao 19 de outubro (ambos inclusive)

Os votantes inscritos no censo dos electores residentes-ausentes que viven no estranxeiro deberán formular mediante impreso oficial a solicitude de voto dirixida á correspondente Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, non máis tarde do vixésimo quinto día posterior á convocatoria (neste caso, entre o 28 de agosto e o 22 de setembro). O devandito impreso será remitido aos españois inscritos no mencionado Censo, sen prexuízo de encontrarse dispoñible dende o día seguinte ao da convocatoria electoral nas dependencias consulares e de poder obterse por vía telemática. Ao impreso de solicitude acompañarase fotocopia do pasaporte ou do Documento Nacional de Identidade, expedidos polas autoridades españolas ou, no seu defecto, certificación de nacionalidade ou de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedidas polo Consulado de España no país de residencia.

Recibida a solicitude, as Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral remitirán á dirección da inscrición do elector as papeletas e o sobre ou sobres de votación, dous certificados idénticos de estar inscrito no Censo de Residentes Ausentes, así como un sobre no que debe figurar a dirección da Xunta Electoral competente e outro coa dirección da Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática na que están inscritos.

O devandito envío debe realizarse por correo certificado e non máis tarde do trixésimo cuarto día posterior á convocatoria, naquelas provincias onde non tivese sido impugnada a proclamación de candidatos, e nas restantes, non máis tarde do cuadraxésimo segundo.

Os electores poden exercer o seu dereito ao voto de dous xeitos:

  • os que opten por exercer por correo o seu dereito de voto, deberán incluír no sobre dirixido á Xunta Electoral correspondente, xunto ao sobre ou sobres de votación e o certificado de estar inscrito no censo, fotocopia do pasaporte ou do Documento Nacional de Identidade expedidos polas autoridades españolas ou, no seu defecto, certificación de nacionalidade ou certificación de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedidas polo Consulado de España no país de residencia e enviar todo iso no sobre dirixido á Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática á que o elector estea adscrito, por correo certificado non máis tarde do quinto día anterior ao día da elección (non mais tarde do 16 de outubro no caso de este proceso electoral)
  • os que opten por depositar o voto en urna, farano entre o cuarto e segundo día, ambos os dous, inclusive, anteriores ao día da elección (no caso de este proceso electoral, entre o 17 e o 19 de outubro) entregando persoalmente os sobres naquelas Oficinas ou Seccións Consulares nas que estean inscritos ou nos lugares que para tal efecto se habiliten para iso. A este fin, as dependencias consulares habilitadas dispoñerán dunha urna ou urnas custodiadas por un funcionario consular

O elector acreditará a súa identidade ante o funcionario consular mediante o pasaporte, o Documento Nacional de Identidade ou a certificación de nacionalidade ou de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedidas polo Consulado de España no país de residencia, e, logo de exhibición e entrega dun dos certificados de inscrición no censo de residentes ausentes que previamente recibiu, depositará o sobre dirixido á xunta electoral competente para o seu escrutinio, unha vez que o funcionario consular estampe en dito sobre o selo da Oficina Consular no que conste a data do seu depósito.

Durante os días sinalados para efectuar o depósito do voto en urna os responsables consulares deberán establecer as medidas para facilitar o exercicio deste polos electores, así como aquelas que se consideren necesarias para a correcta garda e custodia das urnas, que incluirán o precintado destas ao finalizar cada xornada. Os representantes das candidaturas concorrentes ás eleccións poderán estar presentes nas dependencias consulares habilitadas durante os días do depósito de voto en urna.

Finalizado, o prazo do depósito do voto en urna, o funcionario consular expedirá unha acta que conterá o número de certificacións censuais recibidas e, no seu caso, as incidencias que tivesen podido producirse, así como o número de sobres recibidos por correo ata a finalización do depósito do voto en urna. Ao día seguinte, os sobres depositados polos electores e os recibidos por correo xunto á acta expedida polo funcionario consular deberán ser remitidos, mediante envío electoral, á Oficina que para estes efectos se constitúa no Ministerio de Asuntos Exteriores, a cal, á súa vez, procederá ao envío urxente dos devanditos sobres ás Xuntas Electorais correspondentes.

En todos os supostos regulados será indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre mencionado un cuño ou outra inscrición oficial dunha Oficina de Correos do Estado en cuestión ou, no seu caso, da Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática correspondente, que certifique, de modo indubidable, o cumprimento do requisito temporal que en cada caso se contempla.

O día do escrutinio xeral, e antes de proceder a este, a xunta electoral competente constitúese en Mesa Electoral, ás oito horas da mañá, cos Interventores que para tal efecto designen as candidaturas concorrentes.

A continuación, o seu Presidente procede a introducir na urna ou urnas os sobres de votación dos residentes ausentes recibidos ata ese día e o Secretario anota os nomes dos votantes na correspondente lista.

Deseguido, a Xunta escruta todos estes votos e incorpora os resultados ao escrutinio xeral.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal