Votación en persoa

¿Como pode saber onde está a mesa na que lle corresponde votar?

A oficina do censo envía a todos/as os/as electores/as, para informalos/las da súa inscrición nas listas censuais, unha tarxeta onde figura a sección na que están censados/as e a mesa na que lles corresponde votar, co seu enderezo. Isto será, para esta convocatoria, a partir do día 24 de setembro. Ademais, a relación completa dos colexios electorais da provincia, con todas as mesas, xunto cos seus enderezos, publícaa a oficina do censo electoral a partir do 10º día anterior ás eleccións en internet (a partir do 11 de outubro). E, por último, pode vostede consultar no seu concello, ou directamente nas Oficinas do Censo Electoral (a través do servizo de atención telefónico do Instituto Nacional de Estatística cuxo número se facilitará proximamente), cal é a mesa que corresponde ao seu enderezo e onde estará situada.

¿Precísase a tarxeta electoral para votar?

Non. A tarxeta electoral é enviada aos electores/as pola oficina do censo para informarlles da súa inscrición nas listas censuais, a súa sección e a mesa na que deben votar pero non é necesario levala para votar.

¿Pode unha persoa votar por outra?

Non, en ningún caso. O voto é intransferible e non se pode exercer por delegación. Se unha persoa está impedida ou ten dificultades para votar, pode votar por correo ou pedir axuda de alguén da súa confianza para preparar o seu voto e acompañala a votar.

¿Que hai que facer cando se vai votar se non se atopan as papeletas dunha candidatura?

Nas mesas electorais non poden faltar papeletas de ningunha das candidaturas que se presenten ás eleccións. Deben estar situadas nas cabinas de voto ou preto delas. Se faltasen papeletas dalgunha candidatura, indíquello ao/á presidente/a da mesa, que ten a obriga de suspender a votación ata que se corrixa esa anomalía.

¿Que facer se algunha persoa ou grupo coacciona ou intimida aos votantes?

Comuníquello ao/á presidente/a da mesa, que posúe a obriga de velar porque nada impida a liberdade de voto dos/as electores/as no colexio electoral e nas súas inmediacións, e pode ordenar ás forzas de seguridade que actúen para evitalo.

¿Que facer se alguén realiza propaganda electoral nas proximidades do colexio electoral?

Comuníquello ao/á presidente/a da mesa. Todo acto de propaganda electoral está prohibido durante a xornada electoral e o/a presidente/a de cada mesa debe velar para evitar que se faga propaganda electoral no colexio electoral, nos seus accesos e nas súas inmediacións. (Débese ter en conta, que as candidaturas non están obrigadas a retirar os carteis electorais e os valos que puideran ser colocados durante a campaña, nas proximidades dos colexios. Así mesmo, os/as interventores/as e apoderados/as están autorizados/as a levar, para a súa identificación, distintivos e siglas da súa candidatura, sen que iso se considere propaganda electoral).

¿Que facer cando alguén ten dúbidas sobre a identidade dun/dunha votante?

No caso de que na mesa, un/unha interventor/a, apoderado/a, ou outro/a elector/a teñan dúbidas sobre a identidade dun/dunha votante, a mesa, á vista dos documentos presentados, decide por maioría. Estas circunstancias anotaranse na acta da sesión, para que se poidan exixir responsabilidades dos/as que resulten usurpadores/as de nome alleo.

¿Poden realizarse enquisas na xornada electoral? ¿Onde?

Está prohibida a publicación e difusión de sondaxes electorais desde cinco días antes da xornada electoral, pero non está prohibido realizar enquisas para sondaxes electorais en ningún outro momento, nin o mesmo día das eleccións. De feito, por encargo de diversos medios de comunicación e dalgúns partidos e institucións públicas, realízanse enquisas á saída dos colexios electorais co fin de anticipar estimacións dos resultados inmediatamente ou nun prazo breve despois do fin da votación. Estas entrevistas están autorizadas, sempre que non se realicen no interior dos colexios e que non perturben o acceso dos/as electores/as aos colexios.

¿Quen pode entrar nos locais electorais?

  • os/as electores/as das mesas e as persoas que deban prestarlles asistencia, se o precisan
  • os/as representantes das candidaturas
  • quen forme parte das candidaturas
  • os/as apoderados/as das candidaturas
  • os/as interventores/as
  • os/as notarios para dar fe de calquera acto relacionado coa elección e que non se opoña ao segredo de votación. Só poderán dar fe dos actos relacionados coa elección, mesmo fóra da súa demarcación, pero sempre dentro da mesma provincia e sen necesidade de autorización especial
  • os/as axentes da autoridade que o/a presidente/a requira
  • os membros das Xuntas Electorais
  • os/as xuíces de instrución e os seus delegados/as
  • os/as representantes da Administración.

¿Que facer se observase algunha irregularidade durante a votación?

Calquera elector/a que observe algunha irregularidade durante a votación pode manifestala á mesa e a súa protesta ou reclamación deberá facerse constar na acta de sesión.

¿Se o día das eleccións é para min laborable, teño algún dereito a ausentarme do meu traballo para poder ir a votar?

A Administración, adoptará as medidas precisas para que os/as electores/as que presten os seus servizos o día das eleccións poidan dispoñer no seu horario laboral de ata catro horas libres para o exercicio do dereito ao voto, que serán retribuídas. Cando o traballo se prestase en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

No caso de persoas que por estar realizando funcións lonxe do seu domicilio habitual ou noutras condicións das que se deriven dificultade para exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, as medidas precisas que se adoptarán irán encamiñadas a que estas persoas poidan votar por correo e conten para iso co permiso de ata catro horas libres para poder solicitalo seguindo o procedemento establecido no artigo 72 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal