Voto accesible

Electores

Aquelas persoas con discapacidade visual que coñezan o sistema de lecto-escritura Braille e que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou sexan afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).

A utilización deste procedemento é voluntaria, polo que aquelas persoas que o desexen poderán seguir sendo asistidas por unha persoa da súa confianza, tal e como prevé o artigo 87.1 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

Procedemento

Os/As interesados/as deben comunicalo mediante comunicación expresa á Xunta de Galicia nun prazo de 27 días que se contarán a partir da data da convocatoria, para este proceso será entre os días 28 de agosto e 24 de setembro, a través dos teléfonos: 981.54.49.29 / 981.54.49.25, en horario de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres, ou a través do correo electrónico relacionsparlamentarias@xunta.es.

Os/As electores/as deben indicar na súa comunicación: nome, apelidos, domicilio, Documento Nacional de Identidade, número de teléfono de contacto e correo electrónico. Ademais, deben manifestar o coñecemento do sistema de lecto-escritura Braille e que teñen recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, ou ser afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE). A Administración poderá requirir en calquera momento a verificación destes datos. Realizada a comunicación, o/a elector/a con discapacidade visual recibirá unha confirmación que o/a habilitará para recoller a documentación na correspondente mesa electoral.

O procedemento consiste na utilización de sobres e papeletas normalizados xunto cunha documentación específica en sistema Braille, que se atopa baixo a custodia do/da presidente/a da mesa electoral na que lle corresponde exercer o dereito a sufraxio.

A documentación necesaria para este procedemento será a seguinte:

  • instrucións explicativas sobre a utilización da documentación, impresos en sistema Braille
  • sobre de votación normalizado
  • sobre por cada unha das candidaturas coa indicación desta en tinta e en sistema Braille
  • dentro dos sobres, o/a elector/a atopará a papeleta de votación normalizada correspondente á candidatura indicada no exterior

O día da votación, o/a presidente/a da mesa ou, no seu caso, algún dos/as vogais, fará entrega da documentación que integra o procedemento de voto accesible e indicará o espazo do colexio electoral habilitado para a súa manipulación. Para iso, poderá solicitar que os membros da mesa o/a acompañen. Se non puidesen, acompañarao/a o/a representante da administración ou os membros das forzas e corpos de seguridade presentes no colexio electoral.

Unha vez identificada a opción de voto e introducida a papeleta no sobre de votación, o/a elector/a dirixirase de novo á mesa electoral e fará entrega do seu voto ao/á presidente/a para a súa introdución na urna electoral.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal