Membros das mesas

Descarque aquí o manual de membros das mesas electorais en PDF

Información xeral

As Mesas electorais forman parte da Administración Electoral, xunto coas Xuntas Electorais.

Á Mesa electoral lle corresponde presidir o acto da votación, controlar o desenvolvemento da votación e realizar o reconto e escrutinio .

A Mesa electoral está composta por un Presidente e dous Vogais.

O nomeamento dos/as integrantes da Mesa electoral é competencia de cada Concello, baixo a supervisión das Xuntas Electorais de Zona, e elixense, mediante sorteo público empregando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo o azar, polo Pleno Municipal.

Este sorteo realizase entre a totalidade de persoas censadas na Sección, que teñan menos de setenta anos e que saiban ler e escribir, se ben a partir dos sesenta e cinco anos de idade poderá manifestar a renuncia no prazo de sete días.

O Presidente ou Presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidariamente, o Grao Escolar ou equivalente.

Designaranse dous suplentes por cada membro da Mesa electoral (dous por cada un dos Vogais, e outros dous suplentes para o Presidente ou Presidenta da Mesa).

Para as Eleccións do 21 de outubro, os sorteos realizaranse entre os días 22 a 26 de setembro.

Aos designados polo Pleno Municipal, se lles notifica a súa condición de membros da Mesa durante os tres días seguintes ó sorteo, é dicir, entre o 23 e o 29 de setembro, aínda que se produza máis tarde, o retraso non será causa que invalide a designación.

Xunto coa notificación proporcionaráselles un Manual de Instrucións para os Membros das Mesas Electorais.

A designación como membro da Mesa para un proceso electoral, non supón a continuidade da designación para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, se poida ser designado membro da Mesa electoral en procesos consecutivos.

Impedimentos e escusas

O artigo 27.3 de la Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, establece que os designados presidente e vogal das mesas electorais «dispoñen dun prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona, causa xustificada e documentada que lles impida a aceptación do cargo». A eventual petición de escusa dos designados debe ser resolta pola propia Xunta Electoral de Zona «sen ulterior recurso no prazo de cinco días», debendo «en todo caso» considerarse «causa xustificada o concorrer a condición de inelixible».

Dada a competencia da Xunta Electoral Central para unificar os criterios de resolución das distintas xuntas electorais «en calquera materia electoral» [artigo 19.1.c) da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral], esta ditaminou unha instrución de obrigado cumprimento sobre escusas ou impedimentos para o desempeño dos cargos das mesas electorais: “Instrución 6/2011, de 28 de abril, da Xunta Electoral Central, de interpretación do artigo 27.3 de la Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, sobre impedimentos e escusas xustificadas para os cargos de Presidente e Vogal das Mesas Electorais”

Sustitución e recurso contra a designación

Os cargos de membros de Mesa son obrigatorios e tamén o son os cargos de suplentes.

Nas Eleccións do 21 de outubro, os designados disporán de sete días, do 23 de setembro ó 6 de outubro, para alegar ante a Xunta Electoral de Zona correspondente unha causa xustificada e documentada, que lles impida aceptar o cargo. As persoas maiores de 65 anos que foran nomeadas poden renunciar no prazo de sete días a partir da comunicación da notificación.

A Xunta Electoral de Zona resolve alegacións no prazo de 5 días (entre o 24 de setembro e o 11 de outubro). Contra esta resolución da Xunta Electoral de Zona non cabe recurso en vía administrativa electoral, sen prexuízo de calquera recurso xurisdicional que o interesado estime pertinente (Acordo da Xunta Electoral Central de 20 de abril, 19 de setembro e 3 de decembro de 2001). Por outra parte, o artigo 8.5 de la Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, recolle que corresponde coñecer aos Xulgados do Contencioso-Administrativo das impugnacións contra actos das Xuntas Electorais de Zona.

Contemplase a posibilidade de recibir e enviar consultas e recursos por fax, sempre que ademais se envíe a documentación orixinal por correo ou por calquera outro medio que permita ter constancia da recepción polo interesado (Acordo da Xunta Electoral Central de 9 de febreiro de 2000).

A condición de membro dunha Mesa electoral so se perde por escusa alegada pola persoa designada. Ningunha outra persoa ou institución poderá decidir o cambio desta condición.

Se posteriormente ao 6 de outubro (último día para facer alegacións) calquera dos designados non puidera acudir a desempeñar o seu cargo do membro de Mesa, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona cando menos 72 horas antes da xornada electoral, aportando as xustificacións pertinentes. Se a imposibilidade de acudir prodúcese despois dese prazo, o aviso á Xunta Electoral de Zona deberá realizarse de maneira inmediata, y en todo caso, antes da constitución da Mesa electoral (8:00 horas, do día da votación). Os suplentes tamén poden alegar escusas que lles impidan formar parte da mesa.

O cargo de membro da Mesa non pode ser desempeñado por quen se presente como candidato, nin sequera aínda que o faga noutra circunscrición. Considérase causa xustificada o ter a condición de inelixible segundo o establecido no artigo 6 de la Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

A persoa designada pola Administración para recibir unha copia da acta de escrutinio a efectos de facilitar información provisional para os resultados electorais, non poderá contabilizar esta función coa de membro de Mesa.

O Presidente e os Vogais das Mesas electorais así coma os respectivos suplentes, que deixen de concorrer a desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigas de escusa ou aviso previo, incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.    

Permisos e dietas

Os designados membros de Mesa para as Eleccións do 21 de outubro, deberán cumprir coas súas obrigas o día da votación, con independencia da xornada de traballo do día anterior.

Os traballadores por conta allea, e os funcionarios nomeados membros de Mesa, teñen dereito a un permiso retribuído da xornada completa durante o día da votación, se é laborable. En todo caso teñen dereito  a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas ó día inmediatamente posterior.

Para facilitar o cumprimento dos deberes dos membros da Mesa, a quenda de noite que comeza o día 21 de outubro computarase como xornada laboral do día electoral, e o dereito a redución de 5 horas da xornada de traballo pode exercerse na quenda de noite seguinte do traballador, sempre e cando esta quenda se inicie o día inmediatamente posterior ao das Eleccións do 21 de outubro.

Os membros das Mesas Electorais cobrarán unha dieta de 62,42€.

Se algún dos suplentes ten que desempeñar a función por ausencia do titular, terá dereito ao permiso retribuído e a redución da xornada, así coma á dieta. Non procederá a concesión de ditos dereitos se o suplente non chega a ocupar a seu posto na Mesa electoral.

O día das Eleccións

O Presidente ou Presidenta, os Vogais e os suplentes, reúnense ás 8:00 horas no lugar fixado para a votación.

Se o Presidente ou Presidenta non acudira, substitúeo o seu primeiro suplente. No caso de fallar tamén este, substitúeo o segundo suplente, e se este tampouco acude, toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro vogal, o segundo vogal, por este órden. De igual xeito, os vogais que non acudiran ou que tomen posesión como Presidente ou Presidenta, son substituídos polos seus suplentes.

Non pode constituírse a Mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous Vogais. En caso de que non poida constituírse a Mesa, estenderase unha declaración dos feitos e enviará por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen  xa antes haberase comunicado esta circunstancia telegráfica ou telefonicamente.

A Xunta, neste caso, designará libremente ás persoas que constituiran a Mesa electoral, podendo incluso ordenar formar parte dela algún dos electores que se atopen presentes no local.

Se pese o establecido, non puidera constituírse a mesa unha hora despois da legalmente establecida para o comezo da votación, comunicarase á Xunta Electoral de Zona, que convocará para unha nova votación na Mesa dentro dos dous días seguintes.

Constituída a Mesa e levantada a súa acta de constitución, non procede dar posesión ao vocal que se presenta tarde para o desempeño das súas funcións, e que foi substituído polo suplente. Unha vez constituída a Mesa electoral, os suplentes que non tiveran que integrala, quedan exentos de calquera obriga ao respecto.

O Presidente ou Presidenta da Mesa electoral é a autoridade en materia de orde público dentro do local electoral, ten autoridade exclusiva para conservar o orde, asegurar a liberdade dos electores e manter a observancia da Lei.

A estes efectos as forzas de policía destinadas a protexer os locais das Seccións prestarán á Presidencia da Mesa, dentro e fora dos locais, o auxilio que requira (artigo 92 de la Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).

Nin nos locais das Seccións nin nas inmediacións dos mesmos poderase realizar propaganda electoral de ningún xénero. A Presidencia da Mesa, tomará a este respecto as medidas que estime convenientes  (artigo 93 Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).

O escrutinio

Unha vez rematada a votación, comeza o escrutinio, que ten carácter público, o que implica o dereito de calquera persoa, sexa ou non votante, a estar presente en dito acto sempre que o permita o local onde está situada a Mesa. Non haberá neste sentido máis restricións que as que poida estimar necesarias o Presidente ou Presidenta para a conservación do orde público.

O Presidente ou Presidenta extrae, un a un, os sobres da urna correspondente e lee en alta voz a denominación da candidatura ou, se fora o caso, o nome dos candidatos votados, amosando despois a papeleta aos Vogais, Interventores e Apoderados.

Rematado o reconto, constatarase o total de sobres co total de votantes anotados na lista de votantes e se non se produce ningunha protesta, o Presidente ou Presidenta anunciará en voz alta o resultado. Se houbera algunha protesta, a Mesa resolveraa por maioría.

Especificará o número de electores censados, o de certificacións censuais aportadas, o número de votantes, o número de votos nulos, o número de votos en branco e o número de votos obtidos por cada candidatura ou candidato.

Se unha vez rematado o reconto e antes de que o Presidente ou Presidenta anuncie o resultado, e non se produce ningunha protesta ou reclamación por parte dos interventores entenderase o acordo destes co resolto, de maneira que non poderá invocarse nun futuro recurso contencioso electoral.

As papeletas extraídas das urnas destruiranse en presenza dos concorrentes con excepción daquelas ás que se terían negado algunha validez ou que foran obxecto dalgunha reclamación.

A Mesa fará públicos inmediatamente os resultados por medio dun acta de escrutinio que conteña os datos antes indicados e fixaraa inmediatamente na parte exterior ou na entrada do local. Unha copia de dita acta será entregada ós representantes de cada candidatura que o soliciten, ou no seu caso aos interventores, apoderados ou candidatos.

Tamén se expedirá unha copia da acta de escrutinio ao Representante da Administración, ó fin de que a Xunta de Galicia poida proporcionar a información provisional sobre os resultados das Eleccións.

Despois, o Presidente ou Presidenta, os Vogais e os Interventores da Mesa, asinarán a acta de sesión, que conterá:

  • nº de electores que haxa na Mesa segundo as las listas do Censo electoral ou as certificacións censuais aportadas
  • nº de electores que votaran
  • nº de Interventores que votaran non figurando nas listas da Mesa.
  • nº de votos nulos
  • nº de votos en branco
  • nº de votos obtidos por cada candidatura

Tamén farán constar as reclamacións e protestas formuladas no seu caso polos representantes das listas, membros das candidaturas, os seus Apoderados e Interventores e polos electores sobre a votación e o escrutinio, así coma as resolucións motivadas da Mesa sobre elas, cos votos particulares se os houbera, sen que poida entenderse que a incorporación de reclamacións formuladas por Apoderados e Interventores ás actas non implica que a mesa participe delas.

Tódolos representantes das listas e membros das candidaturas, así como os Apoderados e Interventores teñen dereito a que se lles expida gratuíta e inmediatamente copia da acta, non podendo a mesa escusarse do cumprimento desta obriga.

A continuación, a Mesa preparará a documentación electoral que se distribuirá en tres sobres:

  • o primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:
    • o orixinal da acta de constitución da Mesa
    • o orixinal da acta da sesión
    • os documentos aos que a acta da sesión faga referencia e, en particular, a lista numerada de votantes e as papeletas ás que tería negado validez ou que tiveran sido obxecto dalgunha reclamación
    • a lista do censo electoral empregada
    • as certificacións censuais aportadas
  • o segundo e terceiro sobre conterán cada un copia da acta de constitución da Mesa, e copia da acta da sesión

Unha vez pechados todos os sobres, o Presidente ou Presidenta, Vogais e Interventores os asinarán de tal xeito que crucen parte pola que deberían abrirse.

O Presidente ou Presidenta e os Vogais e Interventores que o desexen, desprazaranse inmediatamente á sede do Xulgado de Primeira Instancia ou de Paz, dentro de cuxa demarcación estea situada na Mesa, para facer entrega dos sobres primeiro e segundo. A Forza Pública acompañará e, se fora preciso, facilitará o desprazamento, destas persoas (artigo 101 de la Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral)

Unha vez entregados os sobres primeiro e segundo, rematarán as funcións do Presidente ou Presidenta e o Vogal no seu caso, que tiveran acudido ao xulgado.

O terceiro sobre será entregado ó empregado do Servizo de Correos, que comparecerá na Mesa electoral para recollelo. Polo menos menos un Vogal deber permanecer alí ata realizar esta entrega.

Unha vez entregado o terceiro sobre ao empregado de correos, rematarán as funcións do Vogal que permanecerá no local electoral.

Traslado ao Xulgado de 1ª Instancia

De acordo co Decreto 177/2012, co obxecto de facilitar o cumprimento do preceptuado no artigo 101.1 da Lei Orgánico de réxime Electoral Xeral 5/1985 do 19 de Xuño, cada un dos presidentes das mesas electorais, únicos membros delas que teñen a obriga de entregar a documentación electoral pertinente na sede do Xulgado de Primeira Instancia ou de Paz, recibirá 8€ en concepto de indemnización por desprazamento.

Seguridade Social

Con independencia da súa situación persoal (traballador por conta allea, pensionista, ama de casa, situación de desemprego, etc.), toda persoa que sexa designada para desempeñar funcións coma membro (tanto titular coma suplente) dunha Mesa electoral con motivo da celebración dun proceso electoral, está especialmente protexido polo sistema da Seguridade Social en relación a tódolos riscos que se deriven  da súa condición coma membro, titular ou suplente, dunha mesa electoral e que estean directamente relacionados co desempeño das súas funcións. Así, as eventuais lesións que puideran sufrir no desempeño do seu cargo terán a consideración de accidente de traballo.

Preguntas frecuentes

¿Como se constitúe a mesa o día das eleccións?

Tanto o Presidente coma os Vogais da Mesa teñen dous suplentes. Pois ben, titulares e suplentes deben acudir ó Local electoral ás 8 da mañá o día das eleccións. Se se presentan tódolos titulares, a Mesa constitúese con estes.

No caso do Presidente, se non acode o designado coma titular, nin tampouco ningún dos seus suplentes, ocupará este posto o primeiro vogal titular, ou o segundo se este tampouco acudiu.

En ningún caso se pode constituír a Mesa sen a presenza dun Presidente e dos Vogais.

Se isto non é posible, a pesar de ocupar os postos vacantes os suplentes, os membros da Mesa presentes, os suplentes que acudiran ou a autoridade gobernativa, deberán comunicar esta circunstancia á Xunta Electoral de Zona, que neste caso é libre para designar as persoas que constituirán a Mesa Electoral, podendo incluso ordenar que forme parte dela algún dos electores que se atopen presentes no local.

Se a Mesa non pode constituírse antes das 10 da mañá, porase en coñecemento da Xunta Electoral de Zona, que neste caso convocará unha nova votación na Mesa, dentro dos dous días seguintes. Unha copia da convocatoria fixarase inmediatamente na porta do local electoral e a Xunta procederá de oficio ao nomeamento dos membros da nova Mesa.

¿Que material hai que comprobar ao inicio da xornada electoral?

Unha vez presentes os membros da Mesa, hai que comprobar que se dispón de:

  • a urna, que deberá estar debidamente precintada
  • a cabina, que debe estar situada na mesma habitación na que se desenvolve a votación
  • sobres e papeletas de tódalas candidaturas, en número suficiente
  • a documentación electoral: listas do censo de electores correspondente á Mesa, actas (constitución, escrutinio e sesión), lista numerada de votantes, certificados de votación (para entregar aos votantes que o soliciten), copia das credenciais dos interventores designados ante a Mesa e tres sobres para incluír a documentación electoral ao finalizar a xornada e recibos de entrega dos mesmos

¿Pode un membro da Mesa ausentarse momentaneamente da mesma?

Sí, pero sempre deben quedar nela polo menos 2 dos membros.

¿Que ocorre se un membro titular da Mesa chega tarde á constitución da Mesa?

En caso de que xa se levantara o Acta de Constitución da Mesa non poderá tomar posesión do seu cargo, porque xa tería sido substituído por un suplente.

¿Que deben facer os suplentes?

Se non tiveron que formar parte da Mesa por ausencia dalgún titular, quedan exentos das súas obrigas.

¿Que ocorre se durante a xornada electoral un dos membros da Mesa ten que retirarse por enfermidade?

A xornada electoral continuaría cos membros restantes. Se o enfermo fora o Presidente, sería substituído polo Vocal Primeiro. Se o Vocal Segundo non estivera de acordo con esta designación, será o presidente o que decidirá co seu voto de calidade.

¿Que ocorre se nalgún caso a Mesa tivera quedado con dous membros e un deles tivera que ausentarse momentaneamente?

Neste caso a votación quedaría interrompida ata que o membro ausente se reincorporase, debendo a Xunta Electoral de Zona tomalas medidas necesarias para o perfecto desenvolvemento da votación. Isto inclúe a posibilidade de que a Xunta Electoral de Zona, neste caso, solicite a algún dos votantes que se encontren nese momento no Local que tome parte da mesa electoral.

¿Pódese invalidar o resultado da votación pola ausencia de dous membros dunha Mesa electoral?

Non, aínda que supón una irregularidade.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Atendémolo/a | Aviso legal